TVG desde Babel (A voo de tecla, 17/01/2007)

Bruxelas é a Babel das linguas con que se manifestan os pobos do mosaico da Unión. Hainas mínimas, coma o esloveno ou o lituano, e máximas coma o alemán ou o francés, reducidas ao seu recuncho coma o checo ou o romeno e proxectadas ao mundo coma o portugués, o castelán e o inglés.
¿E que é o galego? Non unha lingua rexional, coma o catalán (que non ten estado) ou o finés (que o ten). Teoricamente é unha forma minorizada de lingua proxectada por catro continentes.
Mais, ¿quen o minoriza? Desde Bruxelas, vendo e oíndo a desexada TVG, cabe pensar que a minorizan os galegos, sobre todo os presentadores co seu mal exemplo. Un porteño perdido nas brétemas flamengas fai a definición: “Esos pibes hablan un mal castellano mechado de portugués”…
A TVG fixo vinte anos e non foi capaz de se librar da súa pexa maior: a imitación do alleante, madrileño. Ben que uniu Galicia mostrándoa toda –de Tui á Trabada e da Gudiña a Ferrol– pero faino nunha fala feble, incapaz de enraizar co idioma vivo no pobo, ao que lles cumpría liberar de castrapismos.
Desde Bruxelas mal se entende que os galegos non defendan o idioma no que centos de millóns de persoas son capaces de definir a saudade, no que as palabras básicas –as do sexo– se fan únicas, no que o comer e o sentir, o soñar e o morrer se din coas mesmas verbas, nacidas en Galicia.
Ai, se vascos e corsos, búlgaros e letóns, gregos e holandeses… tivesen ao seu dispor catro continentes para entendelos, ¡como coidarían canto dixeren fronte ás cámaras!

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/01/2007]

Share