Cerebros e úteros

Día radiante de verán no campus. Encontro á porta do edificio de servizos de investigación entre unha moza profesional e o seu vello profesor.

-¿Que novo proxecto te trae onda nós? -pregunta el.

-Ai, neste intre o meu proxecto principal é o meu cativo, que xa che ten oito meses -responde ela chea de ledicia…

Hai pouco La Voz de Galicia daba a saber unha curiosa cifra: necesitaríanse 20.000 mulleres inmigrantes ao ano para repoboarmos o morredoiro en que se está a converter Galicia. A tales inmigrantes supónselles a vontade de teren fillos; e ata aí, todo ben. Mais, ¿cantas delas serían doutoras en Informática coma a rapaza da anécdota inicial? Cómpre lembrar a economistas, funcionarios e políticos que as mulleres non son «ventres», coma as bestas das eguadas. Son persoas con cerebro ao que acompaña un útero e se cadra (ou non) vontade de seren proxenitoras, protectoras, educadoras. Hoxe Galicia (en xeral, España) non necesita recrutar mulleres sen formación dispostas á procreación. O que precisa é recuperar os cerebros das que se nos foron porque as formamos pero non lles demos oportunidade de faceren coa súa masa gris o que lles peta (antes de faceren co seu útero o que lles dea a gana). E moitísimas delas soñan co grande proxecto de achegaren un meniño ao peito, como manda a Mai Natureza.

[La Voz de Galicia, 10/07/2014]

Share