A lingua das bonecas (A voo de tecla, 06/01/2007)

A “lingua materna” é a fala que condiciona o pensar e o sentir dos humanos. Eça de Queiroz, que dominaba catro grandes linguas de cultura europea, chamaba á materna “a verdadeira pátria do homem” e din que para ser patriota traducía os seus espléndidos romances do francés ao portugués.
O maior problema do idioma galego é a súa falta de transmisión das mais aos fillos: as mais galegofalantes deixan de lles falar aos fillos na lingua patrimonial. Por iso cómpre aplaudir canta chamada haxa a favor de que as meniñas falen galego; porque algún día poderán transmitir fala materna —e cultura multisecular con ela— aos seus fillos.
Velaí a iniciativa parlamentaria do Bloque a cerca da lingua das bonecas. Seica ultimamente esa organización está a converter ideas que andan nos eidos da Ciencia e da Cultura en apostas da Política, fronte ás que se reviran plumas conservadoras sen moito coñecemento das materias tratadas.
Non necesita o Bloque de avogados externos, pero calar o seu acerto sería facer de menos á lóxica. Aínda máis: conviría que as bonecas faladoras, con frases moi sinxelas, deixasen ben claro ás súas mamaíñas que elas non articulan unha lingua “rexional” senón unha lingua de proxección planetaria minorizada en territorio español por imposición de quen quere converter España nun ermo da uniformidade.
A lingua das bonecas é algo polo que loitar. Oxalá que os Reis Magos o entendan e para o 2008 enchan o país de criaturiñas mecánicas vacinadoras contra a diglosia que o degrada.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 06/01/2007]

Share