Provocación parlamentaria (A voo de tecla, 25/12/2006)

Cando un país vive en democracia o seu parlamento é a caixa de resonancia do pobo, no ideolóxico e no lingüístico. Por fortuna, Galicia vive democraticamente e velaí que o Pazo do Hórreo recolla, alén de ideas, a fala do país.
Repasando a lista dos parlamentarios axiña se aprecia o labor lesivo da Igrexa de Roma e do Estado sobre a cultura galega no eido da lingua. En maioría os nomes son casteláns (“María de los Dolores” na vez de María das Dores) e hai unha chea de apelidos castelanizados (“Villarino” por Vilariño).
Salvo dignísimas excepcións, escoitando as intervencións dos deputados percíbese a incapacidade xeral para articularen o galego dentro do aceptable (na sala de plenos poden resoar frases de “patois” confusivo como “Vamos a facer a carretera por donde se había dito”) . Non se ve progreso, hai desgana filolóxica e só cumprimento dun pesado deber no Día das Letras.
Resulta nimia, logo, a liorta verbal sobre a provocación guitarreira e flamencoide. Como a Literatura pode estar por cima dos idiomas, aínda máis a música ha de estar por cima dos instrumentos. Pero, postos a provocar, dispostos ao “breakthrough” cultural, máis valía ter provocado positivamente: agasallando os parlamentarios con cadanseu resumo dos erros polos que distorsionaran a lingua patrimonial durante o que vai de lexislatura; e mais editando, para conmemorar, un dicionario de nomes e sobrenomes galegos, etimolóxico e con indicacións de pronuncia (“Feijó, non Feijóo, pronunciado Feixó”). Por exemplo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/12/2006]

Share