A lei do pinganillo (A voo de tecla, 19/12/2006)

Os teléfonos móbiles de última xeración adoitan ter un transceptor (emisor-receptor) para se comunicaren a curta distancia con distintos dispositivos. É o sistema coñecido co nome popular de “Blue Tooth” (“Dente Azul”), sobrenome dun rei unificador escandinavo.
Este sistema unificador de técnicas permite utilizar o “micropinganillo” consistente nun micrófono e un auricular conectados a un transceptor que comunica co do teléfono móbil. O aparelliño pendúrase dun pavillón auditivo do usuario e facilítalle responder chamadas sen usar as mans.
O soporte mantén o auricular unido á orella mais afastado dela e, xa que logo, da entrada á canle auditiva. Ao ficar libre esa entrada, o usuario pode percibir sons ambientais por ambos os seus oídos mentres escoita por un só deles o que lle falan ao teléfono. Cando remata a conversa quen chama, o sistema fica preparado para unha nova recepción; sen intervención manual do receptor da chamada…
Os técnicos na materia están a debullar o que poida impedir o uso deste “mans libres” mentres se conduce un vehículo; ou cal sexa a diferenza entre este uso e o do sistema integrado no circuíto de audio do vehículo pois en ningún caso hai bloqueo auditivo durante a conducción.
E veñen concluír que, unha vez máis, a técnica superou os coñecementos de lexisladores e administradores. Ben está que non se permitan aparellos a taponaren as canles auditivas mais, ¿por qué prohibir os utilísimos “pinganillos de Blue Tooth”? Boa pregunta para o señor Pere Navarro.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 19/12/2006]

Share