Preposición importada (A voo de tecla, 03/12/2006)

As linguas latinas están cheas de peculiaridades. Tal é o caso da preposición “a” en relación a verbos como “ir”, “vir” ou “volver”. Ten o mesmo uso nos romances francés e galaico-portugués pero diferente no castelán: véxanse, por exemplo, frases como “aller dejeuner” (ir xantar, “ir a comer”) ou “venir dîner” (vir cear, “venir a cenar”).
Desde sempre, ao tentaren falar castelán ben, galegos, portugueses e franceses tiveron que facer o esforzo de incorporaren unha preposición innecesaria para eles nese caso. E, aínda máis, para engadir diversidade á nosa pequena babel latina, esa preposición intermedia entre dous verbos (“estaba a chorar”) implica acción continuada aquén dos Montes de León e alén dos Pireneos, mentres na Meseta sempre se resolveu a frase cun xerundio (“estaba llorando”)…
Franceses de fala natural e portugueses en xeral son xentes soberanas con medios de comunicación, academias e centros de estudo sistematizadores da lingua. Non sofren de diglosia nin de autoodio.
Ese non é o vivir dos galegos. Por iso a preposición “a” vai gañando terreo en Galicia, vía presión madrileña, con dous efectos: perda de identidade e confusión, pois “vou a cantar” non significa “vou cantar” senón “vou cantando”; e “viñeron a falar”, “viñeron falando”.
O peor é que ese “a” penetra no idioma dos falantes naturais, que nunca a usaran, xunto con outras formas aínda hai pouco alleas ao galego. Horrores ao xeito de “Esos van a falar do que todavía non se había falao” soan no Parlamento.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 03/12/2006]

Share