O límite da máquina (A voo de tecla, 30/11/2006)

O mundo sempre estivo dividido en bloques de poder, baseados en distintas formas de xeralo e exercelo. Hoxe o poder baséase na sabedoría (coñecemento mais experiencia), que nun futuro próximo permitirá aos máis poderosos faceren guerras sen arriscaren vidas humanas.
Un deses bloques, a Unión Europea, hai pouco convocaba en Helsinki todo o mundo (países membros, asociados e “terceiros”) a un cume sobre programas de investigación e desenvolvemento en materia de técnicas da información e a comunicación. En sucesivas xornadas falouse exhaustivamente do asunto, desde múltiples puntos de vista. Unha muller política quixo dar fórmula áurea para todos os países se colocaren en liña de acadarmos o Paraíso na Terra. Dixo que esa fórmula tiña tres palabras: “Formación, formación e formación”. Os representantes dos países subdesenvolvidos choraban a fuga dos seus cerebros formados.
No ambiente friamente escuro da capital da Finlandia parecía pairar unha pregunta: ¿Onde está o límite da máquina fronte ao seu creador? Seica as aparentes esaxeracións da ficción científica van deixando de selo. Nas propostas revisadas nesa convocatoria brillaron as relativas a dispositivos intelixentes embutidos en todo tipo de máquinas, “con capacidade de aprenderen da experiencia, razoaren, contextualizaren e actuaren no contexto”. E, por se tales actuacións non fosen humanoides dabondo, aínda se falou do “ser humano virtual”, máquina lóxica na que experimentar reaccións do “homo sapiens” en calquera situación.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/11/2006]

Share