Manobras con fogo real (A voo de tecla, 13/11/2006)

Co Ano da Memoria pode acontecer como co Día das Letras Galegas: pasou o día e pasou a romaría. Mais aínda fica moito por relatar do que foron guerra civil, prolegómenos e secuelas; e pódense producir esquecementos significativos, como co Peter Elstob, autor de “The Armed Rehearsal”.
Na Gran Bretaña o conflito español sempre foi seguido por narradores e público lector: velaí o impacto de “Homage to Catalonia” de Orwell ou o actual éxito de “Winter in Madrid” de C. J. Sansom. Se cadra, no fondo de tamaño interese estea a memoria colectiva dos británicos que se viron involucrados nos horrores hispánicos.
Elstob estívoo. Rapaz comunista, piloto da RAF, abandonou o servizo para vir “matar fascistas” a España. En Barcelona foi atendido da maneira demencial polos anarquistas, que, mentres durmía, lle falaban ao oído en alemán por se fose espía dos nazis… Desencantado, marchou da anárquica Barcelona. De volta en Inglaterra foi rexeitado pola RAF, por sospeitoso de bolxevismo. Alemaña logo invadiu Polonia e tivo que ir “matar nazis” metido nun tanque inglés.
Tipo aventureiro, que se mofaba do Hemingway pois “contaba da fronte o que oía nos cafés”, deixou un retrato da guerra en España feito por quen loitou. En “Ensaio con armas” (ou, mellor, “Manobras con fogo real”) amosa o enfrontamento -que arrastrou compatriotas seus aos dous bandos en contenda- como unha preparación para a guerra mundial inevitable. Boa homenaxe a Elstob sería, pois, publicar esa obra convenientemente traducida.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/11/2006]

Share