Evangelio de la República

«El evangelio de la República» é un opúsculo editado en 1932, con subtítulo a indicar as intencións dos seus redactores, todos eles deputados a Cortes constituíntes: La Constitución de la Segunda República Española comentada para niños. Foi reeditado en 2011, coidadosamente, e lelo vén sendo un melancólico pracer, o de revisarmos as ilusións democráticas dos nosos avós.

O texto zumega civilidade e laicismo en proporcións hoxe xeralmente admitidas, mais daquela inadmisibles para quen comezaron a conspirar contra o novo réxime desde os seus albores. Con todo, sorprende polo atraso en materia de organización do Estado, pois apenas concede dereitos de autonomía a «los ayuntamientos y las regiones»; e mostra grave ignorancia no eido lingüístico, pois só recoñece tres idiomas en España, «catalán, vascuence y castellano» máis «varios dialectos (gallego, valenciano, bable, etcétera)».

O texto didáctico ten cheirumes centralistas contra os que se habería manifestar a visión autonomista, universalista, ibero-americanista, de Castelao. Repasado no seu conxunto, colíxese que a Constitución monárquica de 1978 abriu portas a vellas expectativas non satisfeitas na Segunda República. Mágoa que o estouro do 1936 impedise saber se a Constitución do 1931 chegaría a ser reformada con xeito ao longo de décadas de uso.

[La Voz de Galicia, 25/06/2014]

Share