Aerobuques (A voo de tecla, 04/11/2006)

Cumpría que a Historia da Tecnoloxía fose materia obrigatoria nas carreiras técnicas pois ao longo dos tempos vénse a repetir o feito de que técnicas vellas apoiadas en novos medios produzan solucións brillantes.
Velaí o caso dos enxeños voadores máis lixeiros có aire: despois do desastre do “Hindenburg” (cheo de hidróxeno, perigosamente combustible) hai case setenta anos, os globos de aire quente parecían destinados á diversión; os dirixibles inchados de helio usábanse para a publicidade; e os avións para voar “de verdade”.
Mais estamos en tempo de híbridos e volven as técnicas dos dirixibles en mestura coas dos avións. A aviónica hoxe marca un xiro cara ao pasado mais a pensar no futuro: deséñase e próbase o “case dirixible” de helio con ás, hélices e temóns. O seu principio é aliviar a máquina voadora da metade do seu peso co impulso do gas máis livián có aire.
Propulsores, superficies de substentación e dispositivos de aterraxe funcionan como os dos avións convencionais. O inerte helio facilita que as aterraxes e os despegues se poidan realizar en pistas moi curtas e pouco máis anchas cás necesarias para un “Jumbo”. Cargas ata o dobre das do futuro Airbus xigante, velocidades de 200 quilómetros por hora e gasto de combustible moi reducido representan un grande reto para cargueiros aéreos e marítimos.
Unha nova etapa para o transporte está a abrirse. Agora as potencias emerxentes desafían a Europa
onde todo se inventou. Unha vez máis o darwinismo tecnolóxico terá a derradeira palabra.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/11/2006]

Share