O Brasil versus a India (A voo de tecla, 02/11/2006)

O Brasil é a India das Américas: un subcontinente inmenso, cheo de variedades xeográficas e humanas e unido por unha superestrutura lingüística, a do portugués, como a India se une polo inglés. A India foi só colonia, co rango de “xoia do Imperio”, mais o Brasil chegou a ser imperio, con rei portugués á cabeza.
Nas dúas enormes democracias as diferenzas sociais son tan desmesuradas coma os tamaños de país e poboación. En ambas, tales diferenzas mostran xentes formadas nun alto nivel e exemplos de sectores produtivos moi avanzados. Ese mundo de primeira, alleo ao dos parias, é proporcionalmente maior no Brasil que na India.
Agora o Brasil decidiu competir coa India na exportación de programas de ordenadores, xogando coa desvantaxe da formación herdada polos indios: británica, moi próxima á americana que manda no eido do “software”. Idioma e mentalidade dos colonizadores axudaron a que masas de cidadáns da India se formasen nos EE.UU. en tecnoloxías da información e a comunicación.
Mais nada detén os impulsores do “Progresso” que figura no lema patrio dos brasileiros. Seica van formar 100.000 técnicos e científicos para multiplicaren por 10 as súas exportacións de produtos informáticos en catro anos.
Son capaces, e o mundo tenos en conta: por importancia, Brasil é o primeiro país na lista da Comisión Europea para a cooperación en I+D coa Iberoamérica (curiosamente, en Bruxelas considéranse a Portugal e España “canles naturais” para tal cooperación; e Galicia está no medio).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 02/11/2006]

Share