O taxi, un modelo na encrucillada

O taxista é un home na flor da vida e disposto a falar co cliente. O tema non se fai esperar: o conflito entre a profesión tradicional e as novas formas de transporte en coche compartido.

Atravesando a linda Marineda en belo día de verán, con letreiros de «San Juan is back», o profesional do gremio dá cifras arrepiantes. Seica nunca na cidade se negociou unha licenza de taxi por menos de ¡170.000! euros; e houbo épocas (antes do 2006) en que superaron os 200.000. Por iso, para que o negocio renda, cómpre estar ao volante ¡máis de 14 horas ao día! O cliente conta que hai corenta anos el traballaba nos Estados Unidos e alí había unha campaña insistente de car pooling, ou sexa: de compartir coche. Mesmo a policía vixiaba canta xente viaxaba naqueles haigas que consumían un mundo de gasolina. Tamén di que anda por cidades (como Atenas ou Santiago de Chile) onde os taxis van recollendo clientes e soltándoos ao longo dunha ruta serpeante, mais efectiva, pois os usuarios que comparten vehículo pagan cadanseu treito.

Cando remata a carreira coruñesa, taxista e cliente fican de acordo: o problema do taxi non está nas aplicacións para compartir coches privados, senón nun modelo esgotado de negocio cando se andan a promover cidades intelixentes, con moita telématica e mínima emisión de carbono.

[La Voz de Galicia, 19/06/2014]

Share