Coruña del Conde (A voo de tecla, 25/10/2006)

Cando xa parecía que caera a paz sobre este espiñento caso, velaí de novo o “La” contra o “A”, e todo o mundo a esquecer que as linguas teñen espírito, que “La Coruña” non é un castelanismo (fillo lexítimo da lingua imposta da Castela) senón un galeguismo traducido (fillo espurio da lingua natural de Galicia).
A xente que fala o romance castelán tende a non antepor artigos aos nomes de vilas e cidades salvo cando eses nomes se completan con preposición “de” e algunha referencia. Tanto se resisten os casteláns a iniciar con artigo os nomes de poboacións que a burgalesa Coruña del Conde non é “La Coruña del Conde”, incumprindo a regra.
Todo o contrario acontece coa maneira de falar dos galaico-portugueses. Teñen eles por costume histórico o de iniciaren nomes de poboación maioritariamente con artigo. Desde a Mariña luguesa ata o Algarve repítense os artigos nos topónimos, aínda que non sempre se escriban.
De xeito propio, os galegos din “Vai na Coruña” ou “Éche da Coruña” como os portugueses din “Saiu do Porto” ou “Chegou ao Porto”. Isto daría lugar a que moitos galegos mal faladores do castelán dixesen, por aparentaren coñecemento, “Va en la Coruña” ou “Te es de la Coruña”. E de aí xurdiría aquilo de que “siempre se dijo La Coruña”.
Tamén está o feito de que en castelán se lle chame ao Porto, capital da Galiza portuguesa, “Oporto”: foron moitas as relacións entre portugueses e casteláns, a punto de estes chegaren a xuntar artigo portugués ao nome da cidade que lles cumpría chamar “Puerto”.
A diferenza entre as dúas urbes famosas do noroeste peninsular está en que a Coruña sofre de diglosia mentres no Porto reina a lingua patrimonial. Por iso alí non se discute se o topónimo debe ser “Porto” ou “O Porto” (pois, sinxelamente, fálase segundo o espírito da lingua que os reconquistadores galegos impuxeron en Portugal a punta de espada, sobre xentes que falaban moito mozárabe, algo de bérber e pouco árabe).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/10/2006]

Share