Negro futuro (A voo de tecla, 18/10/2006)

En “Que verde era o meu val” John Ford fixo un retrato romántico da fealdade do carbón, que estragaba os esmeraldinos vales galeses e penetraba ata o espírito dos mineiros. Mais o carbón era o sostén do imperio, dos imperios. O mundo viviu unha longa época de economía do carbón, enerxizador da industria, o transporte e a vivenda.
O carbón negro cedeu sitio ao negro petróleo e xa estaba a llo ceder ao incoloro gas natural cando as potencias do mundo se decataron de que as reservas principais de petróleo e gas están en países inestables, hostís ou prepotentes; mentres que case a metade das reservas de carbón están en países pacíficos e produtivos. O mundo seica ten carbón para douscentos anos, mesmo que a India e a China se converteren nos monstros industriais que se albiscan.
Só de pensaren no que suporía o bloqueo do estreito de Ormuz na guerra que se aveciña co Irán, os xestores das aplicacións científicas nos países que investigan decidiron investir en esforzos técnicos cara a queimar o carbón cun rendemento máximo e unha mínima contaminación. E velaí, como fonte de enerxía alternativa, o sólido negrume das entrañas da terra camiño da glorificación (contando co “secuestro” do anhídrido carbónico que se produce ao queimalo).
O futuro da civilización “occidental” é negro. A estratexia consiste en volver á vella economía que permitiu civilizar o “Occidente”, en canto se diversifican as fontes enerxéticas e se fai perder potencia aos señores dos hidrocarburos líquidos e gasosos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/10/2006]

Share