Historia dun etíope

Bruxelas, «Quai à la huille» (Peirao da Hulla) ou «Steenkool Kaai» (do Carbón de Pedra). Un mozo negro coma o carbón achégase ao paseante e fálalle francés. Confésase sans-papiers, a vivir da esmola.

O seu engano comezara na Etiopía. Logo de moita desventura, chegou á Italia onde recibiu mal trato por clandestino. Para mostrar que na Italia andou, pasa a falar italiano, aínda con máis xeito que francés. Di que no seu país aprendera oficio de mecánico e sabe facer moito coas mans (nas que se lle ven vellas cicatrices, incluso un maimiño torto). Como en Italia lle negaban todo choio, seguiu para España (non conta como) e alí non deu atopado quen confiase nel.

Neste punto, o esmoleiro pregunta ao paseante de onde procede; e, ao sabelo español, parola nun castelán con erros menores nos tempos verbais: expulsado pola miseria de España, recalara en Francia, que só lle deu comida e roupa de caridade; non tarefa, o que lle piden as mans. Por iso, coidando que Europa debía dar acubillo a quen quere traballo, chegara aquí. Mais en Bélxica, sen papeis, tan logo o cache a policía, vai ser repatriado.

O paseante, que na tarde anterior vira a caravana de Obama cruzar Bruxelas, deposita na man do mecánico etíope unha moeda de dous euros. É a súa maneira de protestar contra a cegueira global do G7.

[La Voz de Galicia, 15/06/2014]

Share