Hipertelevisión (A voo de tecla, 08/10/2006)

A televisión naceu para “enganar” o ollo como o cinema do seu momento: en branco e negro, e en dúas dimensións. Cando as películas ofreceron sensación de cor os técnicos inventaron a codificación da tricromía para a pequena pantalla, que permitiu manter a competencia coa grande.
A televisión a cores chegou ao seu esplendor con sistemas analóxicos mais logo se inventaban os dixitais, que ofrecen dúas vantaxes: aumento da calidade de recepción e interactividade entre emisor e receptor. A televisión dixital transmítese vía radio por satélite ou por redes terrestres (as da TDT, de moda polas licenzas que se están a outorgar) e vía cabo, de par telefónico (caso de Imagenio) ou coaxial (caso dalgunha “empresa de cabo”).
Mentres hoxe se avalían os niveis da interactividade (e os seus custos), aparecen no horizonte próximo dous novos formatos dispostos a modificaren o concepto da televisión a que nos afixemos: o da mobilidade, que se dirixe a dispositivos portátiles, e o da tridimensionalidade, que retoma unha vella teima televisiva. A enxeñería xa permite causar na vista a sensación de profundidade nunha pantalla plana sen necesidade de lentes especiais.
Neste momento as grandes marcas da electrónica ensaian como levar esa invención ao televidente sen subir máis que uns euros o prezo do televisor. A hipertelevisión aproxímase, cunha curiosidade: uns dos primeiros programas de proba que se coñecen é un partido de fútbol en que o espectador sente estar no campo entre xogadores suorentos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 08/10/2006]

Share