A (mala) hora de España (A voo de tecla, 28/08/2006)

A referencia horaria mundial é o meridiano de lonxitude xeográfica 0, que pasa pola vila inglesa de Greenwich. Na Península Ibérica ese meridiano atravesa Castellón. Ao Leste del o territorio inglés esténdese aínda 2 graos. O territorio español chega un pouco alén pois Xirona anda polos 3 graos de lonxitude oriental.
Galicia e Portugal constitúen unha faixa de territorio comprendido entre as mesmas lonxitudes, 7 e 9 graos aproximadamente, pero non comparten hora. Por ser un territorio do Estado Español, Galicia vive con máis dunha hora e media de adianto, o que prexudica a economía e a saúde. O normal sería que tivese a hora de Portugal e Irlanda, por coincidencia de lonxitudes e fuso horario.
O asunto é vello. Hai máis dun século que as hemerotecas galegas gardan artigos ao respecto. A xente quéixase de que a hora do país coincida coa central europea, cando a inglesa, a irlandesa e a marroquí están axustadas á de Greenwich. Ultimamente a cousa complicouse e chegouse a falar mesmo de que o Estatuto de Autonomía reformado contemple o reaxuste horario de Galicia.
Pero o problema é de toda España: ollando o mapa, logo se ve que a grande maioría do territorio español está ao Oeste de Greenwich, o que fai coherente deixar a pequena minoría do situado ao leste do meridiano 0 cun cuartiño de hora de atraso. Sería cuestión de que Cataluña aceptase a situación dos condados orientais de Inglaterra a cambio de que a hora fose para todo o Estado a óptima (e coincidente coa das Canarias).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/08/2006]

Share