Segundos apelidos (A voo de tecla, 11/07/2006)

A norma de utilización de apelidos en España está ben regulada. Os cidadáns españois teñen nome e dous apelidos. O primeiro corresponde á familia paterna e o segundo á materna. O uso de dous apelidos serve para diminuír as posibilidades de coincidencia na nomeación das persoas e vale para seguir as trazas da relación familiar.
Hai países hispanoamericanos que seguen a mesma regra, aínda que nalgún deles é costume reducir o apelido materno á letra inicial. Iso pode vir motivado polo problema que a nosa norma causa no estranxeiro.
Na maioría dos estados con cultura básica europea, lei e costume conceden a máxima importancia ao “last name” inglés, o último nome: o apelido paterno. No caso norteamericano pode haber un “middle name”, o apelido materno, que adoita aparecer reducido á inicial (por exemplo, John F. Kennedy era Fitzgerald pola mai).
Xa no inmediato, en Portugal, comezan as confusións pois somos chamados, inscritos e procesados co apelido final, ao que non estamos afeitos. Aínda máis, documentos que en España son válidos con só constatar neles o primeiro apelido, deixan de selo cando alá nolos refiren ao segundo.
Para quen viaxa e sofre isto a solución é pór nos cartóns de presentación só o primeiro apelido, e dar só ese nas relacións. Pero o DNI e o pasaporte xogan malas pasadas.
Se cadra, no mundo globalizado en que nos movemos, cumpriría salientar nos documentos oficiais de identidade o apelido paterno como principal: “main name” (en inglés, que é a lingua franca dos negocios).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/07/2006]

Share