Nanonegocios (A voo de tecla, 18/06/2006)

Na Física o prefixo “nano” diante doutros termos é de uso cotián. Procede do grego, quere dicir “anán” e indica división de unidade por mil millóns: un nanosegundo é a milmillonésima parte dun segundo; un nanometro, a milmillonésima parte dun metro. O primeiro é a base temporal de fenómenos rapidísimos; o segundo, a de medida de tamaños pequenísimos e un indicador de límites do comportamento da materia.
Nos foros económicos repítese a importancia das “nanotecnoloxías” (que cumpría chamar “nanotécnicas”). E non por altruísmo senón porque uns que hoxe se poderían cualificar como “nanonegocios”, dada a súa insignificancia na economía mundial, levan trazas de se converteren en “xiganegocios” (“xiga” é o prefixo de multiplicación de unidades por mil millóns).
Por exemplo, nanoestruturas tubulares de carbono debidamente ordenadas superan en proporcións abraiantes a resistencia mecánica do aceiro e a conductividade do cobre; e permiten crear superficies fotovoltaicas adaptables a calquera forma.
Pero os nanonegocios proxéctanse alén das formas mecánicas resistentes, da xeración barata de enerxía eléctrica ou do seu envío sen perdas a longas distancias. Atinxen eidos de vida ou morte: nanoelementos máis complexos ca tubiños de carbono fíxanse en células cancerosas e, debidamente bombardeados con determinados tipos de luz, emiten unha enerxía que mata esas células selectivamente…
Calquera pasado puido ser mellor en moitos aspectos. Mais a Humanidade enfróntase a un nanofuturo glorioso.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/06/2006]

Share