Xuíces e fiscais (A voo de tecla, 17/06/2006)

En Galicia prodúcense xuízos bilingües sen tradutores en aparente harmonía. Dependendo da capacidade de expresión de cadaquén ou da súa militancia lingüística, neles fálase desde castelán correcto a galego normativo pasando polo castrapo común.
Verdade é que galego e castelán son idiomas moi similares (e non iguais porque o leonés lles fixo de tampón separador nas idades pretéritas), e que os galegos se ven inmersos no castelán por vía do ensino e dos medios de comunicación.
Ora ben, galego e castelán non son a mesma lingua, e as falas condicionan o pensamento. Falar calquera implica pesar ao xeito dela: velaí cando xorden as sutilezas. E, se fiscais e xuíces non o desmenten, os procesos xudiciais están cheos de miúdos, manifestables en pequenas variacións sintácticas ou léxicas.
Raro, pois, o empeño destes funcionarios por deixaren fóra das súas obrigas un bo coñecemento da lingua patrimonial de Galicia (pode soar a corporativismo antiquísimo para outros colectivos profesionais); e o seu recoñecemento de que case nada se escribe en galego nos xulgados lembra “la doma y castración del Reyno de Galiçia”.
Fican mal diante dunha sociedade na que prima a liberdade do diferente. E, como demandantes de xustiza, son numerosos os cidadáns cualificados (os países defínense polas individualidades que os defenden) a esixir o seren ben entendidos en xuízo.
A xuíces e fiscais non se lles pediría moito máis ca un exame de “proficiency” (fica “in” dicilo en inglés) de galego. Sería o xusto.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/06/2006]

Share