La Voz cos disidentes (A voo de tecla, 11/06/2006)

Unha das características da España de hoxe é a da tolerancia. Na España que tolera (que admite, mesmo a contragusto) está ben visto ser musulmán ou animista, condicións relixiosas asociadas coa de estranxeiría nos máis dos casos. E con tal tolerancia esquécese canto a maioría dos españois lles deben a outros españois minoritarios, que pagaron a súa convicción coa vida, con prisión e con exilio.
Son os evanxélicos disidentes do sistema nacional-católico, aos que La Voz de Galicia daba especial atención o 15 de decembro de 1882 (Véxase “El protestantismo en La Coruña”, de Jesús Reiriz, publicado polo Instituto José Cornide). O xornalista que escribe “De Sol a Sol” en La Voz manifesta escándalo ante as agresións con berros e pedras dunha “chusma desenfrenada, excitada tal vez por los enemigos del progreso y la libertad” que se concentra diante da capela protestante do Orzán.
Repasando a Historia de España desde a constitución de Cádiz ata a da II República, vese o convencemento de só haber unha Relixión Verdadeira, que o Estado se encarga de manter e defender. Malamente se lle dá respiro á disidencia cristiá coa “libertad de culto interno” que menciona La Voz daquela xornada. Ese respiro é pleno na República e esganado polo franquismo. Só será a constitución actual a que deixe andar libres os disidentes como nos tempos de Azaña.
Agora poñámonos en 1882 e calculemos o valor do artigo referido. Faltaranos saber a intrahistoria: a qué listas negras foi parar o nome do seu autor.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/06/2006]

Share