De agora ao AVE (A voo de tecla, 04/06/2006)

Dona Danuta, da Galitzia polaca, falou co presidente da Galicia atlántica e dixo apoiar o tren de alta velocidade entre o Porto, capital do norte portugués, e Vigo, capital do sur galego. Se o diñeiro de Europa vén, non ha vir só, sen vontade de reclamo: deben querer as dúas partes, portuguesa e española; cómpre seren firmes os estados, interlocutores da Unión.
O escollo é que Lisboa di ter outras prioridades, que pasan por ligarse co Porto e con Madrid. A bo entendedor poucos mapas lle son dabondo, sobre todo se eses mapas levan ao pasado histórico e ao ser mesmo de Portugal que, con ollos lisboetas, recea dunha Galicia capaz de explicar a nación portuguesa de maneira diferente.
Mais agora non se trata de preguntármonos como tería sido o mapa dos estados da Península segundo a ficción científica de distintos historiadores. Arestora é a economía dentro da Unión o que importa; e a comunicación de persoas e mercadorías.
Ollando pois ao presente e ao futuro, vese que fican por diante moitos anos para podermos ir de Vigo ao Porto como quen colle un tranvía. Por tanto, o problema que deberían considerar os planificadores de aquén e alén do Miño é como viaxarmos desde este intre ao da inauguración do servizo ferroviario de alta velocidade.
Porque –simplemente– non existe un servizo público de comunicación por autoestrada que nos permita viaxar con frecuencia horaria á velocidade que marca o límite: 120 quilómetros por hora.
¿Non hai clientela para iso? Fica pendende o estudio.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/06/2006]

Share