Ancho de banda (Caderno da vida, 18/09/2005)

Aviso de esmorecemento cultural é o substituír termos consolidados dunha lingua polos de linguas alleas, se cadra mesmo errados. Tal é o caso da “ancho de banda”, que de xeito insistente e persistente manteñen moitos dos implicados nos negocios da telemática. Non hai cidadán libre de ser bombardeado polas tentacións da “banda ancha” que ofrecen tanto os explotadores de licenzas de telecomunicación como as administracións que din fomentaren o progreso social.
O tal ancho de banda é substituto espurio da “velocidade de transmisión” de elementos básicos da información dixitalizada: os “bits” (que inventaron os ianquis e malamente se poden adecuar a lingua latina). Por rara deriva semántica, por vicio de fala que critican duramente textos canónicos das universidades americanas, no Imperio que os furacáns non dan destruído impúxose para o comercio das telecomunicacións a substitución de “bit rate” –taxa de bits– por “bandwidth” –ancho de banda, dentro do espectro das frecuencias dos sinais electromagnéticos–. É unha mostra de ignorancia que, sen necesidade, copian os españois.
Pouco importaría esta discusión, aparentemente académica, se non fose pola súa repercusión social. O espectro radioeléctrico é algo “espectral”, difícil de comprender; as bandas dentro do espectro supoñen unha abstracción, mentres a velocidade de transmisión –tantos bits por segundo– logo se entende de maneira intuitiva: canto máis rapidamente pasen os bits polo sistema de transmisión, menos tarda en encherse a pantalla do ordenador que espera os datos.
Indo ás matemáticas da telecomunicación, certamente hai relación entre velocidade de transmisión de bits e ancho de banda do sinal que os transporta, pero as sucesivas leis de educación españolas deixaron os miolos baleiros de logaritmos.
Daquela, mellor será simplificar –precisando– os conceptos (polo menos na que chaman Sociedade da Información, que vira en Desinformación cando ninguén lle corrixe o rumbo).

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 18/09/2005]

Share