Ao sur do Riachuelo

Nada obriga ao emigrante a ser de esquerdas, aínda que emigración sexa case sempre filla da inxustiza social. Os de dereitas chaman «o Kremlin de Chacabuco» ao edificio do Museo Galego da Emigración de Buenos Aires, pois alí (rúa Chacabuco, 995) resisten os que lembran a cotío a rudeza do cambio de vida.

Visita obrigada para todos os galegos, de dereitas ou esquerdas, ese museo acolleu hai días unha xornada literaria sobre unha das dúas grandes débedas que ten a literatura galega co pobo que lle dá substancia: a epopea da conquista do sur da Arxentina (a outra é a do mar e o peixe).

Falaron dous investigadores do Consejo Nacional de Investigaciones Científicas que saben desta débeda, María Rosa Lojo e Ruy Farías. María Rosa, novelista de grande sona na Arxentina, xa ficcionou o choque dos «salvaxes» cos «cristiáns».

Ela e Ruy están de acordo en que ao sur do Riachuelo bonaerense ábrese unha inmensa épica galega: pampeana, patagónica e fueguina. Houbo acertos patagónicos coma A cidade dos césares de Freixanes, mais fica moito por escribir. Mal de moitos (non sempre consolo de parvos) é que os propios arxentinos tampouco souberon explotar o seu Far South como os ianquis fixeron co Far West; e iso dá cancha aos narradores dun pobo, o galego, que «civilizou os desertos austrais».

[La Voz de Galicia, 06/05/2014]

Share