Galicia desde Londres

Hoxe calquera persoa en calquera lugar do mundo a onde chegue a Internet pode escoitar calquera programa de radio. Ora, nos anos de posguerra e almas aterradas a radiodifusión era o único medio de vencer a censura. Escoitábase a radio, mesmo baixo unha manta para evitar a delación, e a BBC fixo daquela unha aposta que os pobos oprimidos polo franquismo nunca lle acabarán de pagar: emitiu nas linguas peninsulares prohibidas. Antonio de Toro, catedrático de Filoloxía Inglesa da UDC, compilou os guións dunha serie de programas radiofónicos emitidos desde Londres entre os anos 1947 e 1956 dun século que ás veces dá medo lembrar. Na BBC había galegos dispostos a daren acento emotivo aos textos que recibían de Galicia, asinados por homes temerosos de represalias no Impaís sen dereito a cultura e idioma de seu. O resultado da serie son parolas amables, folclóricas, descubridoras do que saltaría á vista dun etnógrafo afeccionado. Os afoutos mantedores das esencias patrias só raramente se atreven a falar de personaxes perigosos coma o conde de Gondomar ou o padre Sarmiento.

Galicia desde Londres é un feliz traballo do profesor De Toro. Curiosamente, hoxe Londres volve ser centro de liberdades de expresión para Galicia: a nova diáspora, cargada de intelecto, escolleu alí a web para lanzar mensaxes.

[La Voz de Galicia, 30/04/2014]

Share