Cerebral selección (Caderno da vida, 08/01/2006)

Chantada, Corazón de Galicia. Día seguinte ao do partido histórico en Compostela. Cae unha poalla gris. Fálase moito, principalmente dos ausentes. E proponse unha selección:
1. Mabel Veiga: 28 anos, enxeñeira informática pola UDC, especialista en linguaxes con metadatos. Nada en Burela, residente en Madrid.
2. Vanessa Iglesias: 29 anos, matemática, especialista en paralelización de procesos informáticos. Natural de Lyon (filla de emigrantes), formada na USC. A residir en Madrid.
3. Carlos Dapena: 31 anos, físico pola USC. Especialista en dispositivos de amplificación de feixes de luz. Natural de Ares e veciño de Birmingham.
4. Pedro Méndez: 27 anos, antropólogo formado en Ferrol, especialista en conflitos sociolingüísticos. Nado en Ferrol e desprazado pola conca do Orinoco.
5. Moncho Barros: 32 anos, enxeñeiro de camiños e informático pola UDC. Especialista en simulación de respostas de estruturas. Nado en Cangas. Residente en Galway.
6. Loli Míguez: 28 anos, licenciada en Belas Artes e Ciencias da Comunicación, formada en Pontevedra e na Coruña. Especialista en realidade virtual. Natural de Foz. Residente en Bilbao.
7. Santi Castro: 29 anos, enxeñeiro de telecomunicación, formado en Vigo; especialista en transmisión de audio dixitalizado. Nado na Veiga e residente en Tolouse.
8. Bea Pino: 28 anos, médica pola USC, investigadora da conectividade neuronal; natural de Bruxelas (filla de emigrantes) e residente en París.
9. Mónica Freire: 30 anos, informática de xestión pola UDC, especializada en procesamento de multimedia, nada en Melide e profesora de universidade en New Jersey.
10. Pastor Pedreira: 33 anos, biólogo pola USC, especialista en nutrición de peixes. Nado en Corme e residente en Stavanger.
11. Lucho Lamas: 29 anos, enxeñeiro agrónomo, especialista en castes de vide, formado en Lugo; natural de Cospeito e residente en Santiago de Chile…
A estes seleccionables ninguén os convocou. E o ceo chora sobre o Impaís Levitante.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 08/01/2006]

Share