220V / 50 Hz (Caderno da vida, 16/10/2005)

Recanto dun campus universitario, en vello burgo marítimo con alcalde axitador de bandeiras. Facultade á beira dunha escola primaria. Alumnos vinteaneiros de ciclo superior, xa con tres anos de universidade ás costas. Grupo escollido polo alto nivel de notas do ciclo anterior.
O profesor –con idade dabondo como para ser pai dos rapaces que o escoitan e avó dos pequechos que berran no patio veciño– explora as razóns polas que o cine e a televisión teñen que proxectar un mínimo de imaxes por segundo nas respectivas pantallas. Ninguén na aula sabe nada do tempo de retención da retina; poucos alumnos fan idea esquemática da retina e do nervio óptico. Só un, diplomado en enfermería, se atreve a falar de conos e bastóns.
Logo de mencionados os 50 milisegundos de retención de imaxe, é un calvario a regra de tres pola que se deduce o mínimo das 20 imaxes por segundo. Un alumno sabe que a película de cine avanza a 24 fotogramas / segundo, pero ningún imaxina por que os sistemas de televisión europeos funcionan a 25 cadros / segundo e os americanos a 30. Ignoran as características básicas do sinal eléctrico alterno normalizado (base do sincronismo de varrido da televisión), en Europa e nos EE.UU…
Así é duro continuar a explicación de asuntos básicos referentes aos multimedia interactivos dos que queren aprender estes alumnos selectos e ilusionados (entre os cales hai mesmo diplomados en enxeñería informática). 220 voltios / 50 hertzios non lles soan a nada –e 127 voltios / 60 hertzios, tampouco– nunha sociedade vitalmente dependente da enerxía eléctrica, coa que funcionan os ordenadores e os televisores, becerros de ouro da xente moza.
O profesor sae da aula amoucado, a deostar políticos argallantes de bandeiras e estatutos; a soñar con que os meniños que rúan no patio da escola alcancen a saber Matemáticas e Física. E a lembrar a frase terrible dun reitor: “Por sorte, aínda non chegaron a ensinar na Universidade os exalumnos da ESO”.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 16/10/2005]

Share