Mellor en portugués (Caderno da vida, 02/10/2005)

Barcelona, club hípico de grandes burgueses que se expresan en catalán. Un galego ascendido en Barcelona e o seu anfitrión chegado da Coruña comentan as tensións enerxéticas de España. O barcelonés (de Arteixo) é rotundo:
– O de Fenosa non tería pasado se na hípica das Casas Novas se falase galego.
Entra logo a conversa en Literatura, e aparece a figura de Eça de Queiroz. Segundo baixan os whiskies con soda, fica claro que o autor de “Os Maias” coñecía tan perfectamente o francés –“idioma de superior cultura”– que mesmo puido ter escrito nel os seus romances realistas. Pero (quen morreu como cónsul en París e foi tan admirado por Émile Zola) coidaba que só hai unha patria verdadeira, a da lingua (como afirma en “A correspondência de Fradique Mendes”), e preferiu o portugués. Así construíu unha obra monumental que se pode ler gozosamente en calquera boa traducción.
Cae a tarde sobre as cristas dun monte catalán e os galegos lamentan que famosos compatriotas tomasen substancia literaria do seu pobo para írena verter en castelán; que non quixesen construír na propia lingua (coa xusta esperanza de logo se veren traducidos). Foi pena que a Pardo Bazán, Valle-Inclán ou Torrente non fixesen como Cunqueiro ou Blanco-Amor; mágoa foi que don Ramón houbese de inventar un trampitán que soa a galego para os casteláns que o len; e que don Gonzalo non continuase a “Saga-Fuga” na lingua en que seica a iniciou.
–Somos unha vergoña entre as nacións de Europa –conclúe o galego de Barcelona–. Desaproveitamos o xenio literario mendigando en fala allea.
O visitante coruñés apura o derradeiro grolo e cala. Pensa que se debe perdoar a “traizón” lingüística da Pardo, de Valle ou Torrente. Mellor tería sido o escribiren en galego, pero as circunstancias de antano non eran as actuais. O incomprensible é que hogano haxa ignorantes convencidos de que o galego é un refuxio para escritores menores; de que os grandes –triste grandeza– só escriben en castelán.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 02/10/2005]

Share