Enerxicultura (Caderno da vida, 04/09/2005)

Estados Unidos, hai trinta anos. A suba do petróleo impuxera o “car pooling”: aproveitar os “haigas” gastóns para a xente ir xunta ao traballo. Ao longo da autoestrada con límite de velocidade, repetíase a conversa sobre a crise e as enerxías con que resolvela: nuclear refinada, eólica incipiente, fotovoltaica a medrar, térmico-solar dubidosa, da biomasa… A da biomasa parecía boa solución, pois ninguén renunciaría á liberdade do coche e dela podían vir combustibles de doado transporte. Entre os colegas viaxeiros xurdiu un cualificativo para algo específico: “enerxicultura” (nin agricultura nin silvicultura), e algún volveu a Galicia coa idea: na vez de montes a arder, montes cultivados con plantas que permitisen a fácil extracción de óleos ou alcois.
Brasil, hai quince anos. Algúns coches proclamaban nun letreiro o avance da enerxicultura: “Eu ando a álcool”. A verdade é que non andaban moito porque levaban motores atmosféricos que daban en “gaguejar” (tatexar); pero había esperanza de que a xenerosidade da natureza brasileira facilitase unha industria dos combustibles de automoción alternativos. O caso foi comentado no Impaís, no que seguían a arder montes de piñeiros rodeados de toxos e felgos. En quince anos non se adiantara nada na enerxicultura. Só se pensaba en madeira e papel.
Galicia, hoxe. Os incendiarios fixeron o seu agosto perfecto seica por culpa da lei, pois os xuíces esixen declarar aos delatores (o que non fan por medo a que os incendiarios metan lume ás súas tenzas de eucaliptos). E, na xeografía da queima, chama a atención como nada se queimou onde o monte rende.
Trinta anos perdidos. Imaxínense os experimentos con plantas “enerxéticas” que se poderían ter financiado coa fortuna que se empregou en sufocar lumes; e as marabillas técnicas de motores que se poderían ter desenvolvido para combustibles de menor rendemento có da gasolina…
En fin: ¿haberá xeito de mudar o rumbo cara o enerxidesastre total?

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 04/09/2005]

Share