¿Villarino ou Vilariño? (Caderno da vida, 21/08/2005)

O interesado na épica galega das Américas pode descubrir que o famoso “piloto Villarino” se chamaba –segundo a súa acta de bautismo en Noia– Vilariño. Pola Patagonia que deliñou o noiés vense apelidos como Outerelo (non Outeirelo) ou Montoto (non Montouto) e os papeis demostran que alá chegaron deturpados desde Galicia.
A inconsciencia, os cregos e os escribáns fixeron que non quede un Outeiro (todos son Otero) e apenas se vexa algún Monteiro ou Mosqueira (mandan Montero e Mosquera).
Antiortográficos son Bello, que deberían ser Vello (sorte que sobreviviu Novo, podendo ser Nobo), Balado (Valado), Baliñas (Valiñas), Bao (Vao)… ou, pola contra, Vieites (Bieitez, fillo de Bieito), Rivas (Ribas) e Riveiro (Ribeiro).
Ortografía errada, por copiada da castelá, é a de Vázquez (Vásquez, fillo de Vasco): os casteláns escriben Velázquez, en vez de Velásquez (fillo de Velasco). Erro perverso é o de Hombre: Ombre nada ten que ver con “home” en castelán.
Despois están Villanueva en competencia con Vilanova, Romero con Romeu, Merino con Meiriño, Villares con Vilares; e os Abad (Abade), os Penabad (Penabade), os Cid (Cide)… Seica só un Penabade consciente fixo o arranxo (como un Ribas).
¿Lorenzo ou Lourenzo? ¿Alonso ou Afonso? ¿Soto ou Souto? ¿Sotelo ou Soutelo? ¿Latorre ou Da Torre? ¿Queixo (óso) ou Queijo (manxar)?
Ameixeiras é con “x” porque se trata da árbore. Seixo non debe ser Seijo (en todo caso, postos a traducir: “Guijarro”). Teixo, Freixo, con todos os derivados, como Seixo e os seus, foron mal castelanizados pois xa levan “x” no étimo latino.
“J” levan Janeiro, Jato ou Sanjurjo. “G” levan Gesteiras, Gens ou Giao. Pero todos se deben pronunciar á galega: xexeando.
¿E por que non regaleguizar os que comezan por Da ou Do (Da Riba, Do Campo, Da Vila, Do Rego…)?
Moito se fixo en Galicia pola reconstrucción dos topónimos durante catro lexislaturas. Na que agora comeza, o Parlamento dirá –ou calará– acerca dos antropónimos.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 21/08/2005]

Share