Neuronas na diáspora (Caderno da vida, 07/08/2005)

Moi lonxe de Compostela, no outro Santiago a onde chegan os avións cansos de voar, o de Chile, falábase de repatriar coñecemento. Os congregados eran científicos iberoamericanos, uns resistentes nas súas patrias difíciles, outros entregados ás ofertas do Primeiro Mundo. Todos, os que quedaran e os que marcharan, coincidían en que os pobos só avanzan se medran en coñecemento, para aplicalo, experimentar e así xerar a sabedoría que vai facendo posible o soñado…
En Compostela acaba de producirse o relevo. Durante tres lustros os gobernantes descubriron a diáspora esquecida e chegaron ata os confíns da galeguidade (alá por Río Gallegos, na ignota Patagonia). Fíxose o mapa da diáspora; localizouse o mínimo grupo de emigrantes; censouse a vivos e mortos; e ergueuse a bandeira da solidariedade, do socorro aos que se foran e –en enorme maioría– fracasaran.
Iso foi así pero, se cadra, non debe seguir sendo. Non se trata de esquecer os que erraron na aventura vital, e negarlles os medicamentos e a paguiña; senón de facer un novo mapa: o das neuronas exquisitas, o do coñecemento cesante en Galicia pero aplicado polos recantos da emigración.
A fuga de cerebros galegos intensificouse nos últimos corenta anos e tomou caracteres de vertixe desde que hai tres universidades no Impaís. Galicia vén padecendo a máis grave das sangrías migratorias, a dos “estudiados”, e cómpre virarlle o trato a ese fado ruín, quizais valéndose dos medios de xestión do coñecemento que hoxe ofrece a técnica.
Hoxe é doado descubrir o que cadaquén sabe e facilitar o retorno dese saber. Nin sequera é preciso que retorne o cerebro que o procesa. Abonda o se telecomunicar con el. É necesario –iso si– organizar a rede de relacións que permita a unhas neuronas traballaren con outras cando as separen distancias globais; e –como a telemática non é capaz de vencer a saudade– ofrecer ocasións de retorno físico aos sabios feridos polo máis galego dos sentimentos.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 07/08/2005]

Share