Misioneiros tecnolóxicos (Caderno da vida, 24/07/2005)

Illa de Ons, senlleira en luminoso día de verán. Xúntase no faro a sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega e fanse comentarios fóra de acta sobre unha sociedade tecnificada que, sen embargo, non acaba de aceptar a necesidade innovar para sobrevivir. España loce aínda o estandarte de “Que inventen ellos”. En Galicia aínda se estudia para administrar o que outros inventan.
Cómpre, pois, tentar algo diferente. Se cadra alguén –como unha sección do Consello, tan independente, da Cultura Galega– vai ter que marcar camiños baseados na experiencia. Cómpre, de calquera xeito, pregoar, facer misión…
Península da Cabana, a ollar a Ferrolterra marítima en día de gris recalmón estival. Polo outrora emblemático Centro de Innovación e Servicios de Galicia vagan as memorias dos que a tal institución entregaron un anaco de vida. Aínda ecoan por corredores e escritorios baleiros as conversas de mulleres e homes que alá traballaron con afinco.
Ese centro fixo dez anos sen que ninguén llos celebrase desde a Administración que o fundou. Só lembraron o seu aniversario uns poucos que seguen a crer na necesidade de inventar, de vixiar e de transferir o coñecemento. Entre eles volveuse falar da misión. Contáronse anécdotas de viaxes, de contactos coa xente que polo mundo ensina a innovar. Xurdiron as cualificacións dos misioneiros.
Eses promotores tecnolóxicos existen mesmo nos países máis adiantados. Sen saír da Europa, desde a Noruega á Grecia vanlles traducindo os nomes ao inglés: “technology brokers” é a acepción na lingua franca da técnica.
Á fin das contas, misioneiros: idea que medraba en Ferrol e que en Santiago non gustaba a “os da Fundación” da que depende o centro.
– E Galicia quedou sen misión –conclúe un celebrante do triste aniversario.
– Pero non porque o Yuste e axudantes ignoren o inglés –apostila quen peor leva o acontecido.
– Tempos virán –consola o máis paciente–. Tempos de moita misión e pouca fundación.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 24/07/2005]

Share