Admirable don Manuel (Caderno da vida, 10/07/2005)

Cando xa soaban próximos os zapatóns de don Manuel, Ramón Piñeiro chamou a consello: “Cómpre facerlle sitio –repetiu a cada aconsellado– porque non hai quen o pare. É mellor achegármolo a nós, facérmoslle entender o país”. Custaba colixir a operación, pero realizouse. E don Manuel colleu recado: atinxiu os límites do rexionalismo. Alarmou medio Madrid. Alguén nas cavernas de arribaespaña mesmo lle chamaba “Arzallus disimulado”.
Cos anos converteuse no patrón de todos, ata dos que lle fixeran sitio a contragusto e só porque o aconsellara don Ramón. Na noite aciaga das Pías, cando o monstro flotante destruíu a ponte de Ferrol, don Manuel furou o temporal en helicóptero, con risco da vida, e alí estaba. Porque era o patrón.
Pero tamén chegou o seu Waterloo, e por vía mariña, durante as xornadas en que o Cascos e o De Mesa porfiaban sen xeito contra as leis da borrasca, do aceiro e das ondas. O Prestige deixou o patrón sen mando. Xa non era el. Non había logo por que lle ter respecto. Se querían, que o seguisen os do seu partido…
Aínda así don Manuel é admirable. Unha ollada á súa figura en deterioro tras da malleira electoral fai lembrar momentos en que luciu cunha mente superior. Por dar só un exemplo, valla o seu discurso no centenario da Academia Brasileira das Letras, presidida daquela pola hoxe arquihomenaxeada Nélida Piñón. Don Manuel (sen axudas de escribán) xuntou Galicia e Portugal, e Brasil por derivada portuguesa, cunha visión histórica, lingüística e literaria capaz de arrincar apaixonados aplausos académicos.
E conseguiuno logo de se entrevistar sobre o mar do Río de Xaneiro co presidente dos Estados Unidos do Brasil, o primeiro ministro portugués e o expresidente da república portuguesa Mário Soares. A bordo do buque-escola da mariña lusa, don Manuel fora un máis entre eles: un presidente de país verdadeiro, que consta nos mapas.
Don Manuel, admirable nesa e noutras ocasións, foi o presidente que tivo o Impaís.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 10/07/2005]

Share