Do telégrafo á Internet (Caderno da vida, 26/06/2005)

Polo abril pasado cumpríanse os 150 anos da posta en marcha do “electro-telégrafo” en España. Unha lei e un orzamento (15 millóns de reais) tentaron colocar na modernidade un país atrasado. Eran os tempos do desenvolvemento dos camiños de ferro, nos que todo o pobo puña fe mentres se tomaba a telegrafía por cousa de meigas. Mais non faltaban homes con visión, como demostra o preámbulo da lei: “en tanto que la locomoción por los ferro-carriles se encarga de acortar distancias para trasladar los objetos materiales, la telegrafia eléctrica lleva el pensamiento suprimiendo las distancias”.
O telégrafo supuxo o nacemento das telecomunicacións, sen as cales a Humanidade non iría xa entender a súa existencia sobre a Bola Azul que elas empequenecen; pero, alén diso, trouxo unha mudanza sen precedentes: ata entón documentos comerciais e mercadorías viaxaban á mesma velocidade, a dos medios mecánicos de transporte. Co telégrafo os datos dos documentos comezaron a facelo á inmensamente superior da transmisión dos sinais eléctricos. O comercio –base das relacións humanas– pasou a outra dimensión.
Na “era da Internet”, que se presenta como a maior revolución da historia da comunicación, cómpre imaxinar o que significou para os nosos tataravós que unha orde tardase catro minutos en chegar de Londres a Bombai, non dez semanas. O impacto da nova técnica sobre as mentes daquel tempo tivo que ser moi superior ao que hoxe causan os beneficios da interrede global nas mentes de cantos xa naceron coñecendo as telecomunicacións e se afixeron a usalas desde a nenez.
Non hai moito xurdía unha discusión acerca destes fenómenos en Compostela, durante o foro de Galicia TIC. Un exministro moi botado á electrónica atreveuse a dicir que o telégrafo era á Internet o que a escritura cuneiforme á imprenta. Neste intre de celebración do sesquicentenario en España do invento que fixo famoso a Morse non sería malo que o experto reconsiderase tamaña sentencia.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 26/06/2005]

Share