A lingua dos políticos (Caderno da vida, 29/05/2005)

No próximo comezo de xuño, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vai celebrar en Poio o seu XXV aniversario.
Foron cinco lustros de escritores a cooperaren cos filólogos na depuración dun código lingüístico perturbado pola presión doutro idioma. Por fortuna, ao galego nunca lle faltaron referentes esenciais: a lingua medieval e o portugués (que tal non sería se a capital de Portugal fose o Porto).
O galego hoxe é un idioma plenamente codificado, mesmo cunha grafía demótica que marca achegamentos innecesarios ao castelán e afastamentos absurdos do portugués. Se cadra, alén de regras de idioma falado (o que importa), fican decisións por tomar sobre a escrita: unha volta de parafuso máis a prol da identidade galega que os escritores poderán considerar en Poio…
Pero en canto eles preparan o seu parlamento das Letras –o debate do futuro da lingua como instrumento de expresión total– o Impaís Levitante sofre unha nova onda de destrucción lingüística: a campaña dos votos.
Observando a fala dos políticos na lide, os escritores non recoñecen o código en que se expresan os vendedores de ilusión ao pobo. Destes, uns, xa de boca afeita a imitaren a fala do “Estao” (madrileño), non dan retornado á fonética con que se iniciaron nas primeiras verbas da súa existencia; outros arman conxugacións de pretéritos co auxiliar “ter” que delatan innecesaria traducción de formas castelás (lingua que tamén admite pasados sen auxiliar); o común é que non dean acertado con boa parte dos termos –cultos ou vulgares– propios do galaicoportugués; e desta volta preséntanse conxugadores do “había falao” co que hipercastrapizan a punto da psicanálise.
Con independencia do partido, a maioría dos políticos son incapaces de algo sinxelo: o falaren ben a lingua que todos din defender. E, visto o desconcerto, aos escritores cómprelles preguntarse quen son os pallasos deste circo lingüístico, se eles ou os políticos que pisan sen coidado no suco aberto pola Literatura.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 29/05/2005]

Share