Os soños da república (Caderno da vida, 17/04/2005)

Coa potencia dun Amazonas verbal, Nélida Piñón vértese toda, delicada e pálida, na tertulia literaria. Chega a dicir que “A república dos soños” foi escrita por ela para se preguntar “quen” é o Brasil, non “que” é esa nación case continental á que Eduardo Blanco-Amor, desde a Arxentina, descubriu como “un monstro creador de cultura”.
Nélida insiste en que os iberoamericanos están sempre a pescudar na súa realidade, na súa diferencia, e que o fan desde visións de xente chegada de fóra. Ela construíu unha catedral impresa partindo de criaturas familiares provenientes de Galicia. Coma ela, cada escritor que nesas terras transatlánticas se pregunta pode moi probablemente responderse con historias de inmigrantes europeos.
No coloquio de Nélida na Coruña (flanqueada por Freixanes e Seoane, atendida cun intenso ollar por Caruncho) xorde dos oíntes unha cuestión: ¿non é inxusto que as Américas veñan sendo definidas desde a ficción polos que se responden á europea? A escritora dá xiro ao discurso para introducir datos de erudita e describir a obra dun peruano que contempla o Grande Sur desde a óptica do imperio incaico; e pola mente de alguén que a escoita pasan as paisaxes abraiantes do “Inkañán”, o Camiño do Inca, liña de unión daquel imperio cruel que cruelmente destruíron os españois sedentos de ouro…
Voda e revoda. Logo da tertulia, cea; e segue a conversa torrencial da Nélida. Seguen a república dos soños e os soños da república: dunha república federal na que as nacións españolas coubesen todas, igualitariamente. Na que os galegos existisen en fronteira totalmente derrubada con Portugal, e contasen coa língua que aproxima a Nélida aos grandes premios, mesmo ao Nobel.
Pero son soños. Uns soños que farían do portugués outro idioma escolar na Galicia, rendible porque, con pouco esforzo, abre mundos en África, América e Asia. Soños que converterían en absurdo “traducir” ao galego a Nélida de Cotobade e do Brasil grandioso… Soños

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 17/04/2005]

Share