Homes e barcos (Caderno da vida, 03/04/2005)

No fondo do fiordo, á beira da auga profundamente mansa, o mercado do peixe engade cores ao barrio vello da cidade. Baixo carpas coloridas, en tanques nadan os bacallaos que os clientes escollen.
Falando de bacallao, no presente e no pasado, do que significou para os pobos de Europa (mesmo parte da gastronomía do interior do continente), uns viaxeiros galegos entran na epopea da pesca xunto cos seus anfitrións noruegueses: os bacallaeiros, as campañas longuísimas, as condicións de vida infrahumana daqueles pescadores… “Homes de ferro en barcos de madeira”: a conversa deriva cara ao Gran Sol, historia por novelar dun pobo –o galego– sen escritores inclinados á épica.
O libro que veñen de publicar unha autoridade portuaria e unha caixa de aforros conduce a reflexións con cervexa: o mundo poderoso da pesca de altura, o que fixo temibles os galegos –depredadores do mar e comedores de peixe– esboroa, desfaise: “Os rapaces da costa vanse á construcción”. “Hoxe, nos barcos galegos saen ao mar africanos, peruanos e mesmo indonesios. Velaí o que pasou co de Burela”.
A pesca era un baluarte da cultura propia. Na fala dos mariñeiros concentrouse o zume do idioma sen fronteiras, o que definiu Portugal e gañou espazos de África, Asia e América. Pero iso rematou.
Os noruegueses fican sorprendidos, e dan a súa versión dos feitos: en Noruega sáese ao mar con camarote individual, sauna e solario. Os barcos de pesca son –como os de guerra– perfectas máquinas para venceren as veleidades do mar. Levan todos os automatismos e as comunicacións que a técnica dá. A vida a bordo é digna de homes valentes que queren vivir como humanos. O seu heroísmo redúcese a non temeren as ondas…
De volta, España resulta sórdida, país no que as condicións de traballo non se melloran para que os españois gocen delas. Cédeselles o posto perigoso a inmigrantes que se agarran a calquera choio. Porque a Península Ibérica non é a Escandinava: aquí a cobiza mata a imaxinación.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 03/04/2005]

Share