Da Vila Podre á Vila Real (Caderno da vida, 06/03/2005)

Vila Podre (como lle chamaban os veciños do Arco Ártabro, envexosos da súa puxanza dezaoitesca). Ferrol. O sol fulxe na tona da ría de boca estreita. Homes ilustrados do século XXI tentan recuperar lustres do XVIII. Nos ollos claros do tenente de alcalde ferrolán faísca unha ilusión de futuro. Ese mariño-enxeñeiro xa mira o Globo desde o porto exterior, enfrontado ao de New Hampshire.
A fin de marzo prexubílase un mundo de persoas expertas. Pero non importa: a Vila Podre vaise abrir ao mar, vanlle botar abaixo as murallas; e pode chegar a ser un parque temático da revolución industrial mentres xera unha nova cultura de vida productiva …
Cara ao sur, a tarde cae ao longo da autoestrada. O sol fica á dereita (espléndido sobre o vasto fiordo de Vigo) ata pouco antes do Porto, emporio fabril, patria de mestizos angloportugueses que fixo o viño. Entre lusco e fusco, viraxe ao Leste, sol ás costas e neve sucia no asfalto. Na retina, impresións dun brancor fantasmagórico. O Marão está nevado.
Á mañá seguinte o Marão é branco, coma os xeradores eólicos que lle marcan as cristas. Vila Real, historia de granito galaico, sólido, entre a serra e o Douro poderoso, vive administrando a rexión trasmontana; e ensinando.
Tras-os-Montes participa na revolución postindustrial que espera á Ferrolterra; un profesor da súa universidade doutórase con tese revolucionaria nos conceptos do teletraballo en grupo, sinalando as súas consecuencias psicolóxicas e sociais. Acábanse as factorías. O mundo de hoxe non ten por que condenar os de Vila Podre a construíren barcos, nin os da Vila Real a elaboraren viño.
Non. Desde o curuto de São Leonardo contémplase a natureza transformada polos humanos, as montañas convertidas en socalcos plantados de videiras. Nos azulexos da capela a prosa de Miguel Torga loa a teimosía dun pobo que sabe mudar cos tempos. E pode valer para loanza dos ferroláns que aínda teiman por faceren lume das cinzas mornas do seu mundo.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 06/03/2005]

Share