Merlín, Guerra e Cunqueiro (Caderno da vida, 09/01/2005)

Durante a Longa Noite de Pedra os grandes mestres da Literatura Galega produciron as obras que a definen na súa modernidade. Pero aqueles sufridores da mordaza non sempre simpatizaron entre eles.
Proba diso hóuboa en Lisboa, na Baixa, no xantar que seguiu á presentación dun libro. O editor Sá da Costa xuntara a Rodrigues Lapa, Carvalho Calero e Guerra da Cal con amigos e admiradores. O tema da conversa era –como tiña que ser– a cultura común galaico-portuguesa, e o esforzo do profesor Lapa por recoller no seu texto sobre o estilo literario os principais autores galegos.
Foise facendo repaso destes e ao chegar a Cunqueiro, Ernesto Guerra da Cal mostrouse críptico, nun ton agresivo: “O Cunqueiro inventou um prato e viveu toda a vida disso”. Calquera que coñecese as afeccións do mindoniense podería ter pensado en descubertas culinarias; mais a cousa era de narrativa: o realismo máxico. Guerra, ferrolán intransixente, republicano antifascista, home de acción “com a pistola na mão”, desdeñaba o personalidade de Álvaro Cunqueiro, “empregado de franquistas”. Levado da súa paixón, tentaría logo rebaixar o valor do invento cunqueiriano.
Días despois deste acontecemento, Ramón Piñeiro, tan bo coñecedor de Guerra e Cunqueiro, aclaraba na luz clara da súa galería compostelá algo de capital importancia para que os asistentes ao xantar lisboeta formasen criterio: cando “Merlín e familia” xa estaba escrito, revisado e preparado para ir ao prelo, Cunqueiro recibiu razoadas recomendacións de traducir a obra “que prometía ser impactante naquela España sen talento dos 50”. Pero o supostamente voluble autor de fantasías dixo que non. Que en galego; que, se gustaba, xa se traduciría…
Sexa o 2005 un ano de xusto cincuentenario. Fágase xustiza ao xenio, e á conciencia de nación literaria (parte da nación total). E tomen nota os que nunca han chegar ao cincuentenario nin escribindo en castelán: a Literatura sempre estivo por cima dos idiomas.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 09/01/2005]

Share