Why reason? (Caderno da vida, 14/11/2004)

Roma. Dous españois vagan á procura dun “indirizzo”. Un deles, exalumno do Istituto Italiano de Madrid, residente en Milán durante anos, diríxese á xente nunha lingua dubidosa, media castelá, media italiana. O compañeiro, farto dese capricho, pregúntalle por que o fai e o histrión respóndelle “Porque así me hacen más caso”…
Os pobos civilizados tentan facilitar ao estranxeiro a vida entre eles, polo que fan esforzos de comprensión. Pero todo ten un límite. Levando o asunto aos termos telemáticos en que persoas e máquinas se unen na mesma condición, para que o ente receptor perciba debidamente a mensaxe cómpre que o emisor se ateña a determinadas regras de fonética, sintaxe e semántica. Cando o emisor se afasta delas en exceso, a intelección é nula.
Todo o anterior vale para un recente episodio da vida do profesor Aznar López. Unha frase súa tería deixado pampo calquera ordenador programado para interpretar a fala, deixou en xaxún os anglopensantes que o escoitaban e só foi entendida por quen é capaz de pensar tanto en castelán como en inglés.
“Why reason?” preguntaba o convidado en Georgetown. O mestre da política internacional quixera dicir “¿Por qué razón?” sumando “Why” ao substantivo, ignorando a construcción correcta, “For what reason?”, máis doada e semellante á castelá.
O disparate lingüístico foi mundial. Mais, dentro de tanto quero e non podo do exsupremo (tan ben recibido polo seu “friend” George), cómpre admitirlle afouteza, que mesmo lle recoñece o exaspirante a sucedelo, un Rato de pronuncia inglesa sen concesións á desculpa dos anglofalantes. “José Mari está lanzado” di el.
O que se debería calcular é cara a onde se lanza. Por Bruxelas correu o rumor de que se retiraba para retornar como o primeiro presidente da Terceira República Española. Parece un chisquiño esaxerado, pero con tanta valentía, con tan pouco medo escénico, dá para sospeitar: se molla así o traseiro é porque tenta apañar algún peixe substancioso.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 14/11/2004]

Share