O turco en Bruxelas (Caderno da vida, 07/11/2004)

carece de condición oficial salvo nun país, Chipre, membro de pleno dereito do clube dos vintecinco.
Chipre é unha illa de culturas e linguas sobrepostas. Foi fenicia, grega, romana, bizantina, francesa, veneciana, turca e inglesa. O viaxeiro que fale inglés é feliz no Chipre que o mundo recoñece oficialmente, o grecochipriota, porque todo alí é expresado en termos de diglosia consciente: en grego e inglés. O grego moderno é unha lingua divertidísima, na que xorden vivos os cultismos das falas europeas, e o inglés é a lingua franca do mundo (a sorpresa aparece en cirílico, de anuncios e xornais para a comunidade de novos ricos rusos que invadiu a illa).
O turco cooficial na República de Chipre é o idioma dos que se moven ás escuras, con roupa diferente que os denuncia como musulmáns; o das inscricións nas tumbas abandonadas a pé das mesquitas pechadas, ou nos cemiterios das aldeas que un terremoto desfixo e ninguén reconstruíu; o dos billetes de banco —trilingües— e o de curtos espacios televisivos. É un idioma oculto, ligado á xenreira grega: o dos vendidos ao imperio otomán, o dos conversos ao Islam; o de turcos que non se foron; de colaboracionistas con Turquía, que invadiu a illa e montou unha república monicreque no norte; que expulsou, fixo desaparecer e substituíu grecochipriotas por turcos do continente.
Pero é cooficial, aínda que só o falen unhas ducias de miles de turcochipriotas. Por iso, se cadra, vai ter traductores en Bruxelas. Os ingleses, que non cren na Unión e aínda mandan en Chipre, son os máis interesados en que se vaian facendo prácticas de turco na capital comunitaria.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 07/11/2004]

Share