A Coruña de todos (Caderno da vida, 31/10/2004)

Os filólogos falan do “espírito da lingua”, e din que cando as linguas se extinguen aínda fican restos dese espírito durante séculos. Nas situacións de diglosia, os conversos ao idioma considerado superior adoitan vivir traizoándose, perseguidos polo espírito ancestral que non dá morrido neles.
Tal é o caso de Galicia, da “diglossia tremens” que padece e dos defensores de “La” Coruña. Realmente, se triúnfa o artigo castelán no nome oficial é porque triunfou o espírito da lingua galaicoportuguesa, mesmo que pareza contradictorio.
De feito, os casteláns de pensamento e sentimento, levados polo espírito da súa fala, moi raramente poñen artigo diante de nome de lugar a menos que ese nome veña acompañado de condición; e nin sequera así tenden a pólo: velaí Coruña del Conde, homónima burgalesa da Coruña mariñá.
Contrariamente, os galaicoportugueses de nación, os que comen grelos con pescada (e non hai bandeira nacional máis clara cá gastronómica), teiman en pór artigos diante dos nomes de lugar, sendo exemplo diso o Porto, capital do norte portugués, que os casteláns, de tanto oíren con artigo, escriben como Oporto.
Casteláns de fala e galegoportugueses non castelanizados só coinciden no uso de artigos para bisbarras e rexións…
“La” Coruña en “idioma español” (¿cal deles?) é froito de oír e interiorizar “a”, “da”, “coa”, “prá”, “na” Coruña, como se pensa, sente e di en galego. A Coruña como o Porto son nomes de cidade con artigo engadido; pero as sortes da Historia fixeron que os galegos submisos cometesen o erro de todos os colonizados, imitar erroneamente a fala superior, en canto os portugueses valentes obrigaron os casteláns á imitación fonética.
A filoloxía e a razón indican que a Coruña de todos non leva artigo nada máis que en galego (e en maiúscula só a comezo de parágrafo e despois de punto). O do bilingüismo é falaz, sobre todo se é “harmónico” (ou sexa, agónico: dúas formas para usar só a supostamente “española”).

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 31/10/2004]

Share

One Comment

  1. Pingback: O Eco dos Mestres na Capela | Misturas e Petiscos

Comments are closed.