A friaxe definitiva (Caderno da vida, 17/10/2004)

En outubro de 1974 os Estados Unidos preparábanse para un inverno de neve ennegrecida polos restos do caucho sobre o asfalto. Conducindo “haigas” bebedores de gasolina, había unha sensación deprimente, de fin e desastre. Os estudios científicos aseguraban que en trinta anos non ía ficar petróleo no mundo; a maior crise da Humanidade estaba a comezar coas subas do cru logo repercutidas no prezo do galón. As solucións propostas eran: aforro, aproveitamento das enerxías renovables, investimento na fisión nuclear limpa e —obxectivo final— na fusión nuclear.
Pasaron trinta anos e non faltou petróleo. As técnicas de extracción avanzaron, o fluído marabilloso foise acadar nos recantos mellor gardados da natureza, a miles de metros da superficie da terra e do mar. Mellorouse o aforro, xogouse á ecoloxía coa enerxía solar e coa eólica; pero a fisión nuclear converteuse en politicamente incorrecta. E os pequenos soles dos xeradores de fusión seguen confinados no maxín dos físicos.
“Que veinte años no es nada”, di o tango; e trinta pouco máis se o sol aínda vai lucir durante cinco mil millóns. Nada. Non se avanzou nada. O mundo soporta unha crise arrepiante porque non se fixo nada na ordenación enerxética. Todo segue a xirar arredor do petróleo, de Arabia Saudita, Nixeria, Venezuela, Iraq… e, ás caladas, países que parecían existir só nas aventuras do Tintín.
Nada, salvo guerra e destrucción, para as que se empregan inmensas cantidades de enerxía (do petróleo e dos explosivos). En momento de nova crise, de alarma cotiá na estación de servicio, unha cifra vén á cabeza, redonda e tal vez falsa por curta: o programa “nuclear” que desembocou nas explosións de Hiróxima e Nagasaqui custou dous mil millóns de dólares dos daquela.
¿Imaxínase o que se podería facer investindo hoxe o equivalente en independizarse do petróleo? Algo de moito máis impacto na Historia do mundo. Pero non se fai; e trinta anos máis dan para recear da friaxe definitiva.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 17/10/2004]

Share