Móbiles no avión (Caderno da vida, 03/10/2004)

O teléfono móbil converteuse nunha peza de miniatura que todo o mundo leva consigo, como o reloxo. Pero, á hora de montar a bordo dos avións, deixa de ser un cómodo adminículo para se converter en algo perigoso, un aparello a desactivar baixo ameaza de desembarco.
Durante anos os viaxeiros foron perseguidos polas azafatas, mandadas polos pilotos á caza do móbil terrorífico, co argumento de que as radiacións electromagnéticas dos aparelliños interferían coa instrumentación de voo e nas comunicacións avión-terra. Os argumentos técnicos das aeromozas chegaban a frases tan sonoras coma “Os móbiles borran as memorias dos ordenadores”, sen que servise de contraargumento que os ordenadores portátiles, malia cadanseu sistema de memoria, se conectan ás redes de datos a través de móbil sen o menor problema.
Non houbo xeito de explicar aos señores do aire que as leis do electromagnetismo non estaban ao seu favor senón ao de certos pasaxeiros que, por estudios e experiencia profesional, sabían da inocuidade dos teléfonos a bordo. E estes pasaxeiros, ilustrados nas propiedades do espectro radioeléctrico, sospeitaban que a técnica para conectar móbiles nos avións con redes terreas aínda non estaba madura dabondo como para que as compañías aéreas fixesen negocio…
Sospeita confirmada: agora xorde a nova de que Airbus vai instalar nas aeronaves estacións base para a comunicación cos aparelliños telefónicos dos pasaxeiros. Esas estacións conectarán cos satélites da rede Globalstar, e os satélites con estacións terreas, cerrando así o circuíto entre móbil no aire e rede en terra. Outros fabricantes de avións están na mesma, esgrimindo certificados de inocuidade que emiten famosos centros de comprobación de interferencias electromagnéticas: un triunfo máis da técnica, e dos negocios pois unha boa maneira de matar o fastío de voar será latricar por teléfono (pagando un canon de uso a bordo). Só falta ver se as azafatas van promover o latrique.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 03/10/2004]

Share