Coordenadas para rapaces (Caderno da vida, 19/09/2004)

Setembro. Comezo dos cursos, escolar e político. Chega aos cidadáns unha repetida sensación de Babel, ou de Babeis porque o mundo non é un só: son moitos, e aínda máis as linguas que neles entran en conflicto.
En Galicia falan os normalizadores dun “galego amable” (se cadra en contraposición ao que a algún político fai odioso); noutras partes de España peléxanse os demagogos polo que os filólogos definiron como inútil: a diferencia entre formas do catalán; en Bruxelas protestan por agravo os representantes das nacións con lingua e sen estado, algunhas delas (Galicia por exemplo) con máis falantes do idioma patrimonial ca algún dos estados menores da Unión.
Conviña pois facer repaso, pobo a pobo, cada un nas súas condicións de xeografía e historia. E procurar solucións.
Seguindo co exemplo, Galicia é unha comunidade con lingua propia, parte dun conxunto de grande extensión xeográfica e poboacional, o galaico-luso-brasileiro. O galego é lingua románica e moi próxima ás veciñas, sobrevive illado do portugués e asoballado polo castelán, que á súa vez é castigado polo inglés.
Para educar rapaces galegos eficazmente debíanselles transmitir as súas coordenadas lingüísticas e non os enganar: o inglés é lingua importantísima, sobre todo para ler Literatura Universal, pero difícil de manexar correctamente; o portugués, idioma utilísimo para conseguir traballo ao sur do Miño e para andar por mundos con futuro; o galego, a marca a ferro da nación (velaí topónimos e apelidos) que permite entrar no portugués e superar carencias do castelán imposto.
E por cima de todo o Latín que, a penas coñecido de xeito rudimentario, permite comprender mellor as falas da Latinidade.
A colexios e institutos, unha suxestión: fagan seminarios de converxencia e diverxencia lingüísticas; ensinen galego, portugués, latín de raíz, etimoloxía, grafía, castelán. E inglés, e moitas matemáticas.
E física, e alemán. E mandarín, pero despois de teren a casiña varrida.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 19/09/2004]

Share