Ha pasado un ángel (Caderno da vida, 05/09/2004)

1947 parece un ano sen importancia salvo para os que entón naceron e así llelo recorda o DNI. Pero nel aconteceron feitos históricos para as dúas Españas.
Vencedores e vencidos sobrevivían xuntos no illamento internacional, no esperpento interno, a guerrilla, o estraperlo e a tise. Prensa e radio bombardeaban coa “Ley de Sucesión” de Franco, “Caudillo de España y de la Cruzada” no texto da tal lei; e co referendum sobre ela, para o que “LA ÚNICA RESPUESTA POSIBLE” era o “SÍ”.
En xullo votou máis do 100% do censo electoral. O “SÍ” foi absoluto e “su Excelencia” definiuse:
“Correspondo a la confianza de mi pueblo entregándole lo que de mi vida reste”
Pero naquela corte dos milagres non todo foi tensión por culpa da lei que ía perpetuar a dictadura. Houbo un descanso, circense, divertidísimo, durante a visita de Eva Duarte de Perón nas semanas previas ao referendum.
Evita mesmo veu a Galicia, uns días breves, de aplausos e masas. Vindo do país da abundancia, a fame facíalla ver á xente como un ídolo nutricio. A filla das pampas, señora do trigo e a carne, chegou voando a Compostela xunto á virxe de Luján, coa que se formou procesión de ministros e capitáns xenerais ata a catedral. O cabido enteiro recibiuna e foi nomeada “Hermana mayor de la Archicofradía del Apóstol”.
Discursos, banquetes e agasallos. En Vigo culminou o periplo cunha homenaxe aos “productores”. A artista dixo no Berbés que traía unha aperta dos descamisados arxentinos aos descamisados españois, e que na Arxentina nese momento se loitaba “por un mundo mellor, con menos pobres e menos ricos”.
Os patróns da industria viguesa ficaron aliviados cando aquela mai dos pobres montou no avión en Lavacolla, rumbo a Zaragoza e cun ramo de flores de Santiago para a Pilarica. Un xornalista concluíu relato dicindo que “por Galicia ha pasado un ángel”.
— Con sexo feminino e moi usado —segundo algún “rojo”, membro de secreta tertulia.
O chiste secreto fixo rir a moitos “nacionales”.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 05/09/2004]

Share