Bandeiras e escudos (Caderno da vida, 22/08/2004)

Nos deportes o 2004 vaise lembrar polo campionato de fútbol en Portugal e polos Xogos Olímpicos en Grecia, de extremo a extremo da Unión, en dous países con moitas semellanzas malia a distancia xeográfica que os separa (os reloxos en Lisboa marcan dúas horas menos que en Atenas).
Portugal e Grecia son países de emigrantes, navegantes e espalladores de cultura propia. A Historia de Europa fíxoos pequenos en poboación e fondamente nacionalistas, cun nacionalismo baseado na lingua; pero abertos a culturas e falas diferentes, o que lles facilitou a súa presencia no alén-mar do progreso, nomeadamente nos Estados Unidos e en Canadá. A proporción de portugueses e gregos que falan inglés supera con moito a de españois e italianos, tamén emigrantes.
Países ponte, Portugal co oeste americano e o sur africano, Grecia co leste europeo e asiático, teñen voz clara en Bruxelas. Tamaño medio dentro da Unión e axilidade de relación intranacional (portugueses e gregos coñécense todos entre eles) fanlles conseguir o que non acadan nin grandes nin pequenos. Mesmo teñen intereses comúns, e mostras de apoio mutuo; e ata símbolos de parcería, como un famoso dueto entre a Dulce Pontes e a Elefteria Arvanitaki.
Portugal aínda vive a resaca do mundial, perdido fronte a Grecia; casas e coches exhiben bandeiras nacionais castigadas polo sol e o vento. Grecia hoxe é toda ela unha bandeira helénica, un soño de volta á Olimpia civilizadora, algo “fantasmagóriki” (expresión grega de marabilla que soa a susto nos oídos latinos).
Portugal e Grecia son os confíns da Europa con vontade de supranación, transmisora do racionalismo que fixo mudar o mundo: o que os romanos herdaron dos gregos e os europeos levaron ata o Xapón ignoto. Os dous países “menores” van facer moita patria europea; aínda que por veces sorprendan anuncios como o de “Aceitam-se escudos” en negocios de ouro e prata. Coas dracmas pasa algo semellante, pero tampouco ten que ver co nacionalismo.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 22/08/2004]

Share