A corrección política (Caderno da vida, 01/08/2004)

Pazo á beiramar, día de sol e capela en penumbra. A escuridade e o silencio fan recear á pequena, que se agarra con forza á man do avó. De súpeto acéndense os focos e no altar, cheo de filigranas e dourados, aparecen a Virxe, de branco esplendente, e dous santos humildes no vestir. Entón a cativa, ollando abraiada para as alturas da celestial aparición, lanza a pregunta:
— Avó, ¿e cando van falar eses?
— Pois… —o avó está a piques de lle contar calquera realidade irreal das que ela entende tan ben, pero anda de mal humor e opta pola realidade—. Os santos non falan, neniña, porque son de madeira. A avoa tenche unha foto de teu pai pequeno entre eses santos espidos e nela vese que son de madeira.
Resposta estúpida. Pero logo aparece o can da casa e vén a marabilla do pao que vai polo aire e volve na boca do animaliño. A pícara ponse a xogar entre gritos e amoestacións ao compañeiro de xogo.
O avó, sentado nun poio á porta da capela, olla a ría remoendo. Véñenlle ao maxín frases súas: Reválidas, Latín, selectivos, república federal, Cuba-prisión, home varón, muller femia, fillos propios, familia natural, emigración de cerebros e inmigración de obreiros, fútbol corruptor, monarquía ou democracia, bilingüismo agónico, impaís cadavérico, autoodio, Islam medieval, portugués versus castelán, cadaquén a loitar pola súa terra… E frases doutros: Que non, ho, que non, que te pasas; que esas cousas é mellor non as tocar; que mira como se che enfadou esa muller; que non che damos vara porque te queremos ben, pero iso non se di. Que non. Que era moito mellor contares aquelas historias lindas da vosa mocidade cantora. Ti toca na fibra sensible da xente, fai coma min: vende nostalxia, saudade. Verás como todos te len e te aplauden…
— ¡Avó! ¿Por que non falas?
— Porque estou pensando.
— ¿E que pensas? –condenada da cativa, revella.
— En que os santos son politicamente correctos.
— Boh… Veña, sácalle o pao a este tolo, que non mo quere dar…

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 01/08/2004]

Share