O camiño francés (Caderno da vida, 25/07/2004)

Francia, chea de belezas, refinada, sempre visitable para aprender. De Francia veñen dous Camiños para rematar en “Compostelle”, e seica un sae da “Rue Saint-Jacques”, nese París agora máis lucido ca nunca coa Notre Dame limpa de histórica feluxe.
Pero o país da Enciclopedia, da Liberdade, a Igualdade e a Fraternidade oculta na entraña unha condición que pon en dúbida as súas proclamas republicanas. Hai trinta anos, no xa clásico “Linguistic Minorities in Western Europe”, o galés Meic Stephens trataba severamente a república francesa como estado asoballador de culturas, e puña por exemplo de estrago cultural o da Occitania, berce dun xeito de entender o mundo e dunha Literatura que deixou marca ata na Fisterra Galega.
Daquela Stephens, membro activo do Playd Cymru (partido nacionalista de Gales), non podería imaxinar unha Unión Europea con vintecinco membros, a metade deles países e paisiños da Europa Oriental ou da Bacía Mediterránea. De feito, se hoxe volvese escribir, podería sinalar que a Occitania é unha criptonación europea maior ca Portugal, Grecia e Irlanda, ou ca Hungría, Eslovaquia e a República Checa; e moito maior ca Malta, Chipre, Eslovenia ou as repúblicas bálticas. Aínda máis, que, dentro de Francia, outras nacións que falan neerlandés, alemán, bretón, corso, catalán ou vasco están no tamaño dos pobos menores con voz propia en Bruxelas…
Alí Josep Borrell tomou posesión como presidente dun Parlamento pluriestatal, en castelán mais con acento propio, advertindo que “també soc català” e advertido de que Francia sempre ha bloquear o idioma dos “Països Catalans” para non admitir a súa existencia en territorio da “Nation” centralizada en París.
Francia sempre manobrará contra as linguas sen estado. En palabras dun galego profesor de Literatura Española na Occitania, rotundamente: “Co Camilo ou sen el en Bruxelas, o noso camiño non é o francés”.
Mágoa que así sexa. Porque Francia —fica dito— é república admirable.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 25/07/2004]

Share