Xudeus sen Talmude (Caderno da vida, 18/07/2004)

Compostela dos encontros. No pazo do Carme, convertido en hotel, convención iberoamericana organizada polo Pen Clube de Galicia. María Rosa Lojo mira para a audiencia sen os lentes de costume, con ollos grandes que todo queren acadar para converter en Literatura. Quizais infantil sen os vidros que lle ocultan a ollada a cotío, volve polos camiños da súa nenez porteña e di que ela sempre estivo de paso na Arxentina, onde se fixo doutora, mestra nas Letras, émula de Eduarda Mansilla, a escritora que quixo ser escritor sendo mai de familia e María Rosa biografiou.
Tamén falara María Esther Vázquez, tan coñecida aquí por ser o elo de unión entre Borges e Ramón Piñeiro. Mais desta volta espraiouse na súa galeguidade sempre presente, coma a sombra da poeta -pero non en negro senón en luz.
E activa no lugar do Carme estaba Nélida Piñón, pregoeira da Galicia da súa adolescencia, marcada para sempre desde os altos de Cotobade.
Dúas grandes arxentinas e unha brasileira grandiosa. As tres, galegas (como a Fátima Rodríguez, presente, profesora das Letras desas damas en Tolosa de Francia)…
A Coruña. Discreto escritorio. Home aínda novo, con nome de santo italiano e apelido de criado de nobres galegos. Un precoz. Andou xa as Américas e fixo un mundo de relacións; sen perder xamais o obxectivo vital de voltar para construír. Hoxe trae algo que –diríase- parecen rexeitar os seus: capital para proxectos industriais. Conta con diñeiro e procura iniciativas asisadas. Representa aforradores canadenses que queren investir en terras ordeiras, seguras.
Non ten resposta. E ve como os paisanos, sobre todo os máis estudiados, seguen a marchar. Unha frase amarga escapa dos seus beizos: “Os galegos somos xudeus sen Talmude”.
Xudeus e xudías, como esas señoras da Literatura que marcaron territorio de saudade esencial no Alén-Mar: alomenos tal sentimento feito Escritura será o que fique do Impaís cando xa non quede del nada do que debeu ter sido.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 18/07/2004]

Share